Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/07/13

Yeti



a

Contos como pulgas


O libro de hoxe vén da man de Kalandraka. Un libro que se le a pequenos bocados, para degustalos mellor. De cando en vez, unha pulga; é dicir, un conto. Porque Contos como pulgas de Beatriz Osés con ilustracións de Miguel Ángel Díez son pequenos relatos cheos de imaxinación e de poesía. Dispoñédevos a pasar uns minutos divertidos e sorprendentes, deixádevos facer cóxegas e permitídevos sorrisos varios: esta e outras consecuencias agradables ten a lectura en plan pulga. Tamén podedes lelos segundo a orde e o gusto que prefirades: auga, ceo, terra e noite. Porque todo está permitido, como a xoaniña que queda sen os seus puntos por xogar...










Fomento da lectura libreiro

Tres exemplos dende diferentes lugares do mundo, Israel, Lituania e México, de librarías que desenvolven campañas fomentando a lectura

O tema da campaña de fomento lectora da cadea de librarías israelís Steimatzky é “O libro indicado sempre che fará compañía”. (Xa o colgamos aquí hai uns días). Nas fotografías vemos personaxes literarios como Gandalf, de O señor dos Aneis, ou Sherlock Holmes, creado por Arthur Conan Doyle, acompañando en soños aos seus lectores, e algúns máis.


Gandalf.jpg-thumbSherlock Holmes.jpg
steimatzky-bookstore-don-quijote  steimatzky-bookstore-stalin steimatzky-bookstore-pippi steimatzky-bookstore-the-monk-who-sold-his-ferrari
A axencia Love creou para a libraría lituana Mint Vinetu unha campaña coa mensaxe “Convértete en alguén diferente”. Os libros destes afiches son Frankenstein, Hamlet, O home invisible e Don Quixote.
Become-Somebody-Else-400x600


En Latinoamérica é probablemente a libraría mexicana Gandhi a que desenvolve as campañas con maior impacto. Xa temos traído moitas veces aquí exemplos.
A frase “Menos Face y más Book” converteuse rapidamente nun viral. Tamén ten éxito a súa campaña na que ocupan a tipografía de coñecidas bandas de rock para escribir os nomes de autores como Pablo Neruda o Julio Verne. Con estas campañas —pese á crise—, Gandhi medra anualmente en vendas.

menos-facenerudajulio


Vía

30/07/13

Fortune Elephant Dream

A sorte pode cambiar en calquera momento. Curta dirixida por Olivier Lourry e noidentities.com.


Vía

Castelao. Máis alá!

Hai xa tempo que lin este libro da editorial Demo e aquí quedou, aparcado, buscando unha oportunidade que chega, coido, ben tarde.
Castelao. Máis alá! é a terceira entrega desta serie de cómics que Inacio escribe e Iván Suárez debuxa sobre a vida de Castelao. Xa falamos aquí das dúas entregas anteriores. Grazas a esta marabillosa iniciativa sabemos moito máis do Castelao persoa, o cal é moito de agradecer. Con este tomo sabemos máis do Castelao artista, un Castelao que decide ir a París, berce artística de movementos, en 1921, para visitar museos, encontrarse con outros artistas e saber máis das correntes europas. Con esta lectura afondamos nos seus posicionamentos estéticos, algo do que eu nada sabía.
Pero vou poñer un defecto á edición: ten a letra moi pequena! Cando menos para min, que vou tendo unha idade, resúltame de difícil lectura, o que fai que sexa menos atraente.

Stop the Traffik

Campaña contra a trata de mulleres cos "escaparates" do Barrio Vermello de Ámsterdam como fondo.


 Vía

29/07/13

Elas o saben


Vía

Angel Esquire

Tráenos Hugin e Munin este clásico da novela policiaca en estado puro: Edgar Wallace. A verdade: sentín unha grande ledicia cando o vin en galego, porque o nome de Wallace acompaña as miñas primeiras lecturas. Recordo que na miña casa había moitos libros del, así como de Agatha Christie e de Conan Doyle; maxino que a novela negra era un piar fundamental das lecturas do meu pai, e foi este xénero o que me principiou na lectura novelesca despois dos cómics. Así que o meu cariño por Wallace é profundo e sentimental. Pero este libro en concreto non o coñecía: Angel Esquire é un libro delicioso que recomendo para amantes da novela negra. A partir dunha herdanza encriptada, asistimos ao insospeitado proceder dos homes en busca da riqueza. Un libro que se le como novela e como cinema, pois é inevitable maxinar en todo momento a acción vendo un filme, onde destaca un toque de humor refinado e unha intriga constante e á vez delicada que contempla a duración da lectura coma un lóstrego, porque, simplemente, queremos devorar o libro. Unha acción que ademais ten a virtude de aportarnos trazos xerais do Londres da época.


Refugiados

Un documental de Fernando León para ACNUR:


28/07/13

TANGOAMADEUS 2012

Non cansaredes de velo:

Sólo el silencio

A forza de ser ben pesada, recoñézoo, sigo con novela negra. Desta volta o libro devorado foi Sólo el silencio de R. J. Ellory, publicado por RBA na súa imprescindible Serie Negra. Apaixoante, dura, case aterradora, estamos ante unha nova perspectiva do xénero; unha volta diferente para lermos novela negra, xa que o contido e o seu tratamento é inusual, diferente, tanto que podemos dicir que ata existe a poesía entre as súas páxinas. Quizais sexa unha das mellores novelas negras que teño lido, e xa sabedes que levo unhas cantas. As páxinas do libro pasean polo medo do home, un medo que chegamos a sentir e a temer. Porque o máis chamativo é precisamente a ausencia dun detective detrás dun asasino; non, hai un neno que medra e que se converte nun home baixo a sombra de asasinatos ao seu arredor; hai o intento de comprensión, a busca da verdade. E hai demos que medran e que nos obsesionan.
Máis ca recomendable, por tanto.


     “Más tarde rememoraría el pánico y la confusión. Más tarde intentaría recordar los pensamientos que me habían invadido la mente, pero por mucho que lo intentara, no lo conseguiría. Recordaría haber gritado su nombre con todas mis fuerzas. Recordaría la sangre mientras intentaba levantarla, la sensación húmeda y fría en las manos, en los brazos en la cara cuando la apreté contra su pecho para ver si aún respiraba. Recordaría haberla llevado al camión, cómo le sostenía la cabeza en mi regazo mientras Reilly conducía el camión dando botes y saltos por carreteras llenas de surcos hasta la casa del doctor Pipper. Recordaría los billetes de dólar manchados de sangre y pegados a la ropa uno en su melena, otro pegado a su antebrazo (…) Recordaría todas aquellas cosas vivamente, y reproduciría los recuerdos mentalmente como un viejo disco de baquelita, una y otra vez hasta desgastar el surco; los sonidos desaparecerían y no quedaría más que el enorme pozo de desesperación y pena en el que caí”.




27/07/13

FROM PAPER TO SCREEN

 Do papel á pantalla, unha vez máis:

FROM PAPER TO SCREEN from Thibault de Fournas on Vimeo.


Vía

Antes de durmir

Boísima campaña de publicidade dunha libraría israelí:


Dor

O mércores 24, a media tarde, ía apagar o ordenador para marchar a Santiago. Celebrar as festas, as vacacións... e algunhas cousas máis. Entrei no Facebook e a nova golpeoume: acababa de morrer unha amiga. Levaba un tempiño loitando contra o cancro, e cando semellaba que estaba dominado, este volveu saltar por outro lugar case imperceptible: xa non puido loitar, as armas termináranse. Unha vez máis, a morte venceu. Que difícil é enganar a morte!
Así que collemos o coche xa cunha fonda tristura no corazón. Pero eu non son eu, teño máis xente ao meu arredor, e a eles me debo. Camiño de Santiago, golpeounos a traxedia. Parados na estrada, ambulancias, bombeiros e policía pasaban ao noso carón a toda velocidade. Pouco a pouco fomos coñecendo as dimensións da traxedia. O meu corazón, apouquinado, comezaba a desaparecer entre tanta bágoa. Xa non era eu, xa non era a miña tristura, era unha dimensión sobrecolledora sen límites. 
Os plans decorreron esquivos. O 25 xa non foi tal, foi un océano hendecasílabo de bágoas.
Nesta primeira metade do 2013 tiven que dicir adeus a dous grandes amigos e a dúas compañeiras. Deses adeuses que quedan na gorxa, magoándoa. Deses adeus sen pronuncia. Deses adeuses sen sorriso nin esperanza.
E logo, todo isto. A traxedia achegada, case a carón da nosa casa. 
E enmudecín.
Non fun quen de falar, de respirar, de comprender. Neste loito meu e neste loito social, só me queda o silencio. E o meu amor para quen sofre por perder a alguén querido.

Onte, ao saír do funeral, unha señora díxome: "Que Deus non nos mande nada que non poidamos soportar". Supoño que o ser humano está preparado para sufrir unha e mil veces. Pero ás veces a dor é ben insoportable.

26/07/13

Organizing the Bookcase

Nisto ando, ou pretendo andar este verán, máis ou menos:

O carnaval dos animais

Volve a agasallarnos a editorial Kalandraka cun libro espectacular que combina música, texto e ilustración á perfección. Que máis se pode pedir? Poderedes gozar de todo xunto ou por separado, é a vosa elección. O carnaval dos animais, con texto de José Antonio Abad Varela, ilustracións de João Vaz de Carvalho e música de Camile Saint-Saéns. Chiscadelas irónicas, pezas musicais, fantasía, antroido, animais... todo un mundo a descubrir, perfecto para gozar en calquera momento.
A peza musical é a obra máis célebre de Saint-Saëns: unha crítica ao escenario musical do París de finais do século XIX.





25/07/13

Nuestra Señora de París



 A última marabilla de Benjamin Lacombe en España: Nuestra Señora de París (Notre-Dame de París) de Víctor Hugo. Editorial Edelvives, claro está. Unha obra cumio deste autor que se converteru nun dos máximos representantes do Romanticismo Francés e un dos escritores máis importantes da Literatura Francesa. Se a obra é boa, pensade o que pode ser cando vén ilustrada por Lacombe: para morrer, vaia. De momento, teremos que non contentar coa primeira parte.
Unha sociedade medieval dominada pola catedral con tres personaxes principais: Esmeralda, muller fatal; Frollo, arquidiácono maldito; Cuasimodo, corcobado e torto, de gran corazón.
Un libro imprescindible da Literatura Universal agora libro fetén dos nosos andeis grazas á maxistraliedade deste ilustrador que me ten namorada.






"— ¡Agua! — repitió por tercera vez Quasimodo.
Entonces vio cómo se apartó el gentío. Una muchacha curiosamente ataviada salió de entre la gente. Iba acompañada de una cabrita blanca de cuernos dorados y llevaba una pandereta en la mano.


El ojo de Quasimodo centelleó. Era la bohemia a la que había intentado raptar la noche anterior, fechoría por la que comprendía vagamente que estaba sufriendo aquel castigo, lo que, por otra parte, no era cierto ni mucho menos, pues se le estaba juzgando por la desgracia de ser sordo y por haber sido juzgado por un sordo. Estaba seguro de que también ella había venido para vengarse y darle, como hacían los otros, su golpe correspondiente. 

Ella, sin decir una sola palabra, se aproximó al reo, que se retorcía en vano para librarse de ella, y soltando una calabaza que a guisa de recipiente tenía atada a la cintura, la acercó muy despacio a los labios áridos del desdichado."


24/07/13

Bágoa de Lúa

Unha boa nova para o noso lectorado adolescente: xa temos outra triloxía fantástica, desta volta da man da editorial Galaxia. Bágoa de Lúa é a primeira entrega de As Crónicas de Landereina de Sabela González.  Unha novela na que me gustaría resaltar a importancia dos personaxes femininos: unha comunidade de mulleres guerreiras que son adestradas na loita e que sosteñen a tradición da Tríade; unha fundadora e unhas personaxes principais mulleres. Por fin, a muller acada importancia e relevancia neste xénero. Como boa novela deste xénero, comeza cun mapa para emprazar ao lectorado na xeografía desta nova terra que anceiamos coñecer, profundar e seguir en novas entregas.
Con algún anacronismo fuxidío entre as súas liñas, poderemos pasear por prazas e vilas, por feiras que convidan a beber un grolo de cervexa canda as súas páxinas. Unha lectura que, coido, terá grande éxito e que recomendarei, de seguro, ao meu alumnado.





Como sería un mundo sen móbiles?

Directamente dende Disquecool, copio e pego:




Como sería a vida sen teléfono móbil? Esa é a pregunta que se fai unha nova campaña de Qualcomm (unha compañía que fai as entrañas dos móbiles) na súa última campaña. Xente que xoga a Angry Birds con porquiños reais, correos electrónicos que son entregados por carteiros simpáticos e spam que che dá un carteiro bastante agresivo, tweets que chegan para afundirnos en toneladas de papel ou vídeos que se consumen en inmensas televisións de tubo catódico son algunhas das características que ten ese mundo sen smartphones.


23/07/13

Sandy

Ollo coa praia!:



Vía

El viaje en globo


Vin en Soñando cuentos esta publicación e por suposto xa a descarguei. Un proxecto promovido polo  Instituto Andaluz de la Mujer (IAM) ,  destinado aos menores acollidos polo Servizo Integral de Atención e Acollida para vítimas de violencia de xénero. 
El viaje en globo, escrito pola psicóloga Susanna Isern e ilustrado por Silvia Álvarez ten como obxectivo minimizar as consecuencias negativasda exposición á violencia de xénero na infancia.
O libro é unha metáfora da nova vida á que se van enfrontar: vivirán nun globo descoñecido pero que responderá a todas as preguntas que se fagan. A protagonista deste álbum sentirase por fin protexida e amada e topará algo case esquencido: que a súa nai volve sorrir.











Podedes descargalo aquí: "El viaje en globo".

Raíz da fenda

Precioso poemario de Berta Dávila publicado por Xerais: Raíz da fenda, un soporta da quebra que chega ata as entrañas da dor. Un paseo de escritura polo amor e pola morte, pola realidade dos obxectos, das persoas, dunha infancia presente xamais esquecida e dos sentimentos, ese sentimentos que se reelaboran continuamente e quebran, fendendo e defendendo o espírito, o corpo, o corazón. Os poemas senten, abren fendas e péchanas, prenden luces e apáganas, buscan verdades e atópanas, transmiten emocións e sentímolas.

E non podías irte
porque ti
eras todo canto podiamos
chamar casa;

e sen ti
ficariamos espidas á intemperie,
diluídas na chuvia,
soas,
e sen pasado.




22/07/13

Mirage



Vía

A guía necsia

Un libro absolutamente diferente e fascinante. David Wapner, poeta, narrador e titiriteiro arxentino que vive en Israel e ten unha longa traxectoria artística, é o autor deste texto que Kalandraka publica en pequeno formato (16 x 16) e que ilustra á perfección complementaria Marc Taeger. Pequenos textos a modo de apuntamentos (novas, inventos...) totalmente surrealistas, absurdos ás veces, poéticos outras, humorísticos case sempre. Un xogo literario constante que non deixa indiferente e que volve a lembrarnos a idea de que un álbum ilustrado non é, necesariamente, un libro infantil. Se non o credes, comprobádeo. E non perdades a perspectiva!





Outlet, versos en Sotck

 Publica Juan Carballo este poemario Outlet, versos en Sotck con versos que reproducen a vida cotiá e que se transforman nas nosas palabras, nas nosas obras, nos nosos pensamentos. Sentímonos identificados con eles e coa súa frescura pouco convencional que fala dende o comezo do seu cansazo editorial que o enchen de boas palabras para esquencelo nun caixón mentres el se arriscará a nos procurar este libro que temos nas mans.
A ironía é o fío que une estes poemas "cotiás", xuntos por esa retranca que ás veces semella ir perdéndose nese noso camiñar. De aí a aparente inxenuidade que impregna o seu escrito para levarnos máis alá, se estamos dispostos a andar o seu camiño. Por iso o desamor se situará lonxe do melodrama, o desencontro amoroso estará presente con toda a súa naturalidade e, por que non, cotianiedade.


Hai tempo 
que non sabía de ti.
Chamaches para intentar
devolverme unha cousa.
A clásica situación
que aproveitas 
para preguntar:
Que tal?
Como che vai?
E, cando aínda
non abriches a boca,
xa volves sentar
no banco dos acusados.


21/07/13

Roadkill Redemption



Vía

El chico

Sigo con novela negra, e seguirei, creo eu, aínda por un tempo. Estouvos moi lacazana!!!
Desta volta meu irmán volveu á carga cun par de libros, este que vos traio é o primeiro deles: El chico de Steve Hamilton, publicado pola editorial Pàmies. Unha novela que se afasta do xénero, orixinal e xenial. Cun toque moi diferente, sen policías nin investigadores, senón cun argumento baseado sobre todo no seu personaxe principal cunha historia moi interesante para contar. Nela, un rapaz que agocha unha historia terrible da súa infancia que non descubriremos ata o final, mentres nos vai contado que é un rapaz milagre porque sabe abrir pechaduras e caixas forte cos ollos pechados. E todo isto nolo conta dende o cárcere, tal como nolo di xa ao comezo do libro. Narrativamente non é unha loucura, pero a orixinalidade da obra merece que o pasemos por alto.

"Hace un tiempo me llamaron el Chico Milagro. Después, el Mudo de Milford. El Chaval de Oro. El Joven Fantasma. El Chico. El Especialista. El Artista de las Cajas. Todo eso y más. Pero tú puedes llamarme Mike".

20/07/13

Bert – An Adorable Family



Vía

Grazas!

 Kalandraka tráenos entre as súas novidades este precioso texto de Isabel Minhós Martins con ilustracións de Bernanrdo Carvalho: Grazas! resalta a emotividade do cotián, o bo facer do equipo, a aprendizaxe diaria a vivir en sociedade. Un álbum que agradece cantas axudas se van precisando no difícil camiño do crecemento da vida. Porque aqueles que nos rodean son os que nos ensinan o camiño.


O meu pai ensinoume a ter paciencia.
A miña nai explicoume que ás veces é mellor non esperar.

19/07/13

THE MAN WHO SAW A BOAT



Vía

Juego de pistas en Volubilis

 Juego de pistas en Volubilis, publicado por Kókinos, é de Max Ducos. Un álbum que é un xogo de pistas que serve para amosar unha casa de deseño, con obras de arte e grandes ilustracións. Non todo é o que semella e hai moitas sorpresas agochadas. Un libro que é unha aventura.




Un día de neve



Lata de sal, na súa colección Vintage, tráenos unha xoia do álbum ilustrado: Un día de neve de Ezra Jack Keats. E o bo é o que fai en galego ao mesmo tempo a en castelán! Un álbum que neste ano cumpre 50 anos. O libro chama a atención: en primeiro lugar vén acompañado dun cepillo de dentes: haberá que descubrir por que e onde se sitúa a relación. Logo anuncia que é o primeiro neno de cor que protagoniza un álbum ilustrado.
O libro obtivo a medalla Caldecott, premio que outorga a Asociacións de Servizos Bibliotecarios para Nenos.




 «Unha mañá de inverno, Peter espertou e mirou pola ventá. Nevara toda a noite. A neve cubríaotodo ata onde lle alcanzaba a vista». 






18/07/13

Misere

ESDIP, no seu trixésimo aniversario, presenta Miserere, unha animación na máis pura tradición clásica, onde se unen o talento dos alumnos Jorge San Martin, Víctor Lorenzo, Xanti Velez Alfons, dirixidos por Mario Serrano Hervás, coa banda sonora de Arturo Díez Bóscovich.


Vía

Los sueños de la jirafa


Destas publicacións o que boto de menos é que non o fagan na nosa lingua. Moito lle teño insistido á editorial Edelvives, pero vese que non é negocio. Así que teño que me conformar con soñar cos seus álbums en castelán. Este que vos traio agora é de Xan López Domínguez: Los sueños de la jirafa é un soño da infancia, o poder da imaxinación para un ser que aínda non é quen de ver aquilo que a súa nai lle describe polo que terá que utilizar aquilo que si coñece para construir un mundo descoñecido e fantástico.

 





Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.